Friday 17 de May de 2024

A Xunta inicia a execución de actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Grande de Xuvia no concello de San Sadurniño


― Os treitos obxecto das intervencións acadan unha lonxitude total de 635 metros

― As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

― A entidade hidráulica da Xunta continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Grande de XubIa, no concello de San Sadurniño.

Estas tarefas desenvolveranse nunha lonxitude de 635 metros, no percorrido deste río polo lugar do Outeiro, na parroquia de Santa María de San Sadurniño.

Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, o río Grande de Xubia quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.